Confederación Sindical de Comisiones Obreras | 26 abril 2024.

INFORMES SOCIOLABORALES Y DE BRECHA SALARIAL

Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas

    CADERNOS do Sindicato Nacional de CC OO de Galicia. Mercado de traballo e coidados: a dobre xornadas das mulleres galegas. Obstáculos que implica na incorporación e permanencia no mercado laboral. Marzo de 2020. Elaboración: Secretaría da Muller e Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia.

    04/03/2020.
    Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas.

    Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas.

    CO INFORME que presentamos, «Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas», ofrecemos indicadores obxectivos da situación social, económica e laboral das mulleres en Galicia, co percorrido por varias áreas cun impacto de xénero determinante.

    Un achegamento á realidade que guía as accións sindicais e sociopolíticas do noso sindicato, para situarmos no centro da axenda as demandas canto ás relacións sociais de xénero baseadas na igualdade de oportunidades e o avance nos dereitos das mulleres en todos os niveis.

    Reflíctese que o sistema establecido continúa segregando en función dos xéneros, sexos, etnias, xeracións e estratificación social á hora de ofrecer oportunidades de acceso ao mercado laboral e, en consecuencia, ao sistema socioeconómico predominante.

    Malia igualaren e ata superaren o nivel educativo dos homes, as mulleres seguen estando sobrerrepresentadas en empregos con menor remuneración e baixa produtividade. Especialmente segregados están todos os sectores dedicados ao coidado doutras persoas, como a educación, a sanidade, os servizos sociais ou o emprego doméstico.

    A segregación laboral continúa aumentando. Existe un conxunto complexo e a miúdo interrelacionado de factores que orixinan a fenda salarial de xénero. Á valoración das competencias laborais súmase a segregación no mercado de traballo, con diferente representación de homes e mulleres nos distintos sectores económicos, as características da oferta de emprego feminino, a participación no traballo a tempo parcial e os mecanismos establecidos de retribucións salariais.

    O xénero mantense como un factor desencadeante da discriminación e a vulnerabilidade das mulleres no traballo fronte aos homes. As persoas continuamos inmersas nunha sociedade que, malia mostrar avances, conserva a profunda pegada do patriarcado e que, a día de hoxe, apenas comeza a cambiar esta situación de falta de equidade pois, a pesar de actualizar os modelos sociopolíticos, en aparencia, con cotas máis humanitarias e igualitarias, seguimos batendo cunha realidade que nesga, diferencia e trata de xeito diferente as persoas que a compoñen en función da súa procedencia, nivel académico, sexo, orientación sexual, etc.

    Cómpre deseñar mecanismos que faciliten a intervención neste ámbito, fomentando a análise e a crítica social do sistema patriarcal vixente, utilizando os recursos de coordinación e resposta social.

    É un feito que, no referente á calidade de vida, as mulleres aínda teñen menos oportunidades de mellora e de ascenso na escala social; e nas situacións de desvantaxe ou exclusión, elas resultan peor amparadas. A pobreza e a exclusión, polo tanto, prexudican en maior medida as mulleres que os homes.

    Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas.

    Nese sentido, o dereito das mulleres ao emprego en igualdade cos homes —queinconcibiblemente aínda atopa resistencias — é sen dúbida unha cuestión económicae social, pero tamén política e ideolóxica. Unha cuestión que inflúe nas representacións e prácticas sociais, nas políticas económicas e nas lexislacións, na evolución do mercado laboral e nas relacións sociais de sexo no ámbito familiar.

    O mundo do traballo aínda non é mixto. Está percorrido por todo tipo de segregacións e discriminacións. A feminización da poboación activa non desembocou nun verdadeiro cambio, e o subemprego, xunto co desemprego e o seu halo, é un dos indicadores da precariedade laboral; aínda que sexa un indicador discreto e descoñecido.

    Como sindicato sociopolítico e de clase, estivemos, estamos e estaremos en primeira liña na consecución da igualdade para a clase traballadora. Todos os días do ano, a nosa actuación diríxese a impulsar unha política sindical que redistribúa os recursos e inclúa a dimensión de xénero. É dicir, xustiza social con xustiza de xénero.

    O avance das políticas ultraliberais e ultraconservadoras provoca unha involución social e unha perda de dereitos que custou moito tempo e esforzo conquistar.

    As políticas de recortes e as reformas laborais son erróneas, inútiles e inxustas. Os recortes sociais xeran desigualdade, pobreza e exclusión, e non podemos permitir que se saia da crise creando desigualdade. A recuperación económica veraz e inclusiva só poderá ser posible se é sostible, equitativa e democrática. A desigualdade persistente entre homes e mulleres non é unha cuestión trivial que se poida relegar.

    A negociación colectiva e os plans de igualdade son a vía para conseguir mellores condicións laborais e eliminar as discriminacións entre homes e mulleres. Desde esta perspectiva, CCOO está dando pasos relevantes para priorizar nas mesas de negociación a erradicación da fenda salarial e combater a violencia de xénero, o acoso sexual e por razón de sexo; e está acordando medidas e plans de igualdade mediante a representación legal dos traballadores e traballadoras.

    Neste sentido, apostamos por alternativas de cambio desde o sindicalismo: o apoderamento sociolaboral de xénero.

    Mamen Sabio Sasnz, secretaría de Muller e Igualdade Sindicato Nacional CCOO de Galicia